Por mor da retirada no seu momento deste artigo no blogue Rexiomontanos voltamos a subilo na véspera da Noite do Chambo na Ermida. Desculpai.
Aló polo serán a friaxe de febreiro enchía as fondas valgadas da Ermida con antergas cantigas invernizas e as loairas do roibén agoiraban a proximidade do coruscante luar.
Nos adentros da floresta ouvíuse o resón señardoso dunha Avelaiona ventureira e, coa queda da noite, a penetrante luzada abrangueu até aos máis varudos picoutos da Serra do Sanmamede.
A caeira pairaba no interior do Chambo e as palabras escomezaron a flutuar, amosaban coñecementos atávicos transmitidos nos escanos a carón das lareiras, e enriba da mesa unha broa e un copo de tinto, e o caldo.
Os harmoniosos sons dos asubíos e as ferreñas emitiron unha íntima conversa coa Deusa que barruntaban xa o comezo do Intrudio, e na infinda escuridade pronunciouse o morriñento ouvear dun Lobo senlleiro.
1 comentario:
Magnífica serie de fotografías. Me encantan las del grupo alrededor de la lumbre.
saludos ¿b·R?
· LMA · & · CR ·
Publicar un comentario