sábado, 6 de abril de 2013

Hoxe na imprensa


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2013/04/06/localizan-36-lagares-rupestres-monterrei/0003_201304O6C10994.htm

http://www.laregion.es/noticia/249089/portas/galicia/recupera/lagares/rupestres/

http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2013/04/06/monterrei-registra-lagares-rupestres-resto-galicia/786263.html

A continuación reprodúcese íntegra a nota de imprensa remitida aos medios e facilitada por Alberte Reboreda:

­­A comarca de Monterrei posúe a maior densidade de lagares rupestres de toda Galicia
A entidade turística Portas de Galicia catalogou 36 exemplares nos concellos de Verín, Cualedro, Monterrei e Oímbra


Os lagares rupestres son estruturas labradas polo ser humano, polo xeral, pouco coñecidas e moi simples, relacionadas coas formas máis arcaicas de elaboración de viño. De datación imprecisa ata o momento, os estudos científicos desenvolvidos ata o momento apuntan a unha orixe medieval, cando pequenos viticultores facían o viño entre as viñas, non nas adegas como acontece probablemente desde os séculos XVII e XVIII.

Están presentes en boa parte da península Ibérica (La Rioja, Castela…), sobre todo nas rexións tépedas de precipitacións escasas –caso da comarca de Monterrei ou a Rioja Alavesa-, onde as condicións para a produción do viño son óptimas.

Por concellos, os lagares rupestres catalogados na comarca de Monterrei ata o momento repártense da seguinte forma:

  • Cualedro: 6
  • Monterrei: 9
  • Verín: 6
  • Oímbra: 15

Nos traballos colaboran estreitamente co equipo técnico as seguintes persoas e entidades: Módulo de Xardinería do Obradoiro de Emprego Agrupación de Monterrei (concellos de Monterrei, Cualedro, Laza, Oímbra), Concello de Verín e o colectivo ecocultural Rexiomontanos, ao que pertence o investigador local Eduardo Castro, que leva varios anos localizando os lagares rupestres da comarca.


Localización

Os lagares rupestres atópanse repartidos por toda a comarca de Monterrei, mais tamén foron documentados nas comarcas do Ribeiro e O Condado. Con todo a comarca da D.O. Monterrei posúe, ata o momento, o maior número de lagares rupestres de toda Galicia, a moita distancia de calquera outra comarca vitivinícola do noso país.

Os lagares rupestres case nunca se documentan no contorno das viñas actuais; aparecen escavados en afloramentos graníticos que, en maior ou menor medida, emerxen do solo. Esta situación ten contribuído notablemente á súa conservación ata os nosos días, non obstante nos últimos séculos, e máis concretamente nas últimas décadas, unha parte dos lagares teñen sufrido importantes danos por dous motivos fundamentais:

a)      O abandono e a xeralización de traballos forestais con maquinaria pesada sen control arqueolóxico.
b)      Os traballos de cantaría tradicional, que utilizaron como canteiras algúns dos afloramentos graníticos nos que se labraron estes elementos.

 

Morfoloxía

A inmensa maioría responden ao seguinte patrón:

·         Pileta: Superficie de pisado ou calcatorium de planta rectangular e ángulos redondeados, con dimensións medias de 2 x 3 metros e 0,5 e 0,10 metros de profundidade. Unha minoría dos exemplares adáptanse de forma orgánica ao soporte natural (de aí a súa planta irregular), aínda que os máis deles presentan un deseño claramente xeométrico.

·         Canle e bico: Conduto de unión entre a pileta e o pío. En contadas ocasións aparecen dous; a maioría teñen unha sección de media cana e un curto desenvolvemento.

·         Pío: Depósito para recoller o mosto ou lacus: preséntase case sempre cerrado, con formas rectangulares ou ovais, o que obrigaba a usar un recipiente móbil (probablemente un pelexo) para a recollida do líquido por inmersión antes do seu traslado ás adegas.

 

Tipoloxías

Tomando como factor diferenciador a localización, os lagares apareceren maioritariamente de forma unitaria, mais existen algúns conxuntos espectaculares de dous e incluso tres exemplares, como no caso dos lagares de Vilar (Monterrei).
Se atendemos á súa funcionalidade, a diferenza do que acontece cos lagares de La Rioja, cómpre distinguir dúas modalidades ben diferenciadas:

·         Lagares de pisado: son unha minoría na comarca, e constitúen os exemplos máis arcaicos e primitivos de todos os exemplares documentados.

·         Lagares de prensado: son os máis numerosos; contaron cunha estrutura de prensado mecánica que se encaixaba nuns encastres laterais á pileta principal.




Alberte Reboreda
arqueólogo director