martes, 18 de xuño de 2013

As Zerynthia rumina rexiomontanas


A Zerynthia rumina é unha bolboreta diurna da familia Papilionidae que aparece polas terras de Monterrei no mes de Marzo e que podemos ver ata o de Xuño.
A súa área de distribución na Galiza é polas catro provincias aínda que nas do Norte en áreas moi localizadas. Só está presente onde medre a súa planta nutricia, Aristoloquia paucinervis.
Están descritas varias formas e subespecies, e no Val de Monterrei Rodríguez Gracia en 1989 describíu a Z. rumina valdesi  que para algúns autores non é máis que unha forma local da Z. rumina castiliana Rühl.
Deixo aquí uns exemplares rexiomontanos fotografados este ano  onde se pode ver que é unha especie que presenta unha apariencia moi diversa.
Clicade na foto se a queredes ver a maior tamaño.


sábado, 6 de abril de 2013

Hoxe na imprensa


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2013/04/06/localizan-36-lagares-rupestres-monterrei/0003_201304O6C10994.htm

http://www.laregion.es/noticia/249089/portas/galicia/recupera/lagares/rupestres/

http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2013/04/06/monterrei-registra-lagares-rupestres-resto-galicia/786263.html

A continuación reprodúcese íntegra a nota de imprensa remitida aos medios e facilitada por Alberte Reboreda:

­­A comarca de Monterrei posúe a maior densidade de lagares rupestres de toda Galicia
A entidade turística Portas de Galicia catalogou 36 exemplares nos concellos de Verín, Cualedro, Monterrei e Oímbra


Os lagares rupestres son estruturas labradas polo ser humano, polo xeral, pouco coñecidas e moi simples, relacionadas coas formas máis arcaicas de elaboración de viño. De datación imprecisa ata o momento, os estudos científicos desenvolvidos ata o momento apuntan a unha orixe medieval, cando pequenos viticultores facían o viño entre as viñas, non nas adegas como acontece probablemente desde os séculos XVII e XVIII.

Están presentes en boa parte da península Ibérica (La Rioja, Castela…), sobre todo nas rexións tépedas de precipitacións escasas –caso da comarca de Monterrei ou a Rioja Alavesa-, onde as condicións para a produción do viño son óptimas.

Por concellos, os lagares rupestres catalogados na comarca de Monterrei ata o momento repártense da seguinte forma:

  • Cualedro: 6
  • Monterrei: 9
  • Verín: 6
  • Oímbra: 15

Nos traballos colaboran estreitamente co equipo técnico as seguintes persoas e entidades: Módulo de Xardinería do Obradoiro de Emprego Agrupación de Monterrei (concellos de Monterrei, Cualedro, Laza, Oímbra), Concello de Verín e o colectivo ecocultural Rexiomontanos, ao que pertence o investigador local Eduardo Castro, que leva varios anos localizando os lagares rupestres da comarca.


Localización

Os lagares rupestres atópanse repartidos por toda a comarca de Monterrei, mais tamén foron documentados nas comarcas do Ribeiro e O Condado. Con todo a comarca da D.O. Monterrei posúe, ata o momento, o maior número de lagares rupestres de toda Galicia, a moita distancia de calquera outra comarca vitivinícola do noso país.

Os lagares rupestres case nunca se documentan no contorno das viñas actuais; aparecen escavados en afloramentos graníticos que, en maior ou menor medida, emerxen do solo. Esta situación ten contribuído notablemente á súa conservación ata os nosos días, non obstante nos últimos séculos, e máis concretamente nas últimas décadas, unha parte dos lagares teñen sufrido importantes danos por dous motivos fundamentais:

a)      O abandono e a xeralización de traballos forestais con maquinaria pesada sen control arqueolóxico.
b)      Os traballos de cantaría tradicional, que utilizaron como canteiras algúns dos afloramentos graníticos nos que se labraron estes elementos.

 

Morfoloxía

A inmensa maioría responden ao seguinte patrón:

·         Pileta: Superficie de pisado ou calcatorium de planta rectangular e ángulos redondeados, con dimensións medias de 2 x 3 metros e 0,5 e 0,10 metros de profundidade. Unha minoría dos exemplares adáptanse de forma orgánica ao soporte natural (de aí a súa planta irregular), aínda que os máis deles presentan un deseño claramente xeométrico.

·         Canle e bico: Conduto de unión entre a pileta e o pío. En contadas ocasións aparecen dous; a maioría teñen unha sección de media cana e un curto desenvolvemento.

·         Pío: Depósito para recoller o mosto ou lacus: preséntase case sempre cerrado, con formas rectangulares ou ovais, o que obrigaba a usar un recipiente móbil (probablemente un pelexo) para a recollida do líquido por inmersión antes do seu traslado ás adegas.

 

Tipoloxías

Tomando como factor diferenciador a localización, os lagares apareceren maioritariamente de forma unitaria, mais existen algúns conxuntos espectaculares de dous e incluso tres exemplares, como no caso dos lagares de Vilar (Monterrei).
Se atendemos á súa funcionalidade, a diferenza do que acontece cos lagares de La Rioja, cómpre distinguir dúas modalidades ben diferenciadas:

·         Lagares de pisado: son unha minoría na comarca, e constitúen os exemplos máis arcaicos e primitivos de todos os exemplares documentados.

·         Lagares de prensado: son os máis numerosos; contaron cunha estrutura de prensado mecánica que se encaixaba nuns encastres laterais á pileta principal.




Alberte Reboreda
arqueólogo director

mércores, 20 de febreiro de 2013

Viño, aceite, liñaza, auga...

Levamos anos, buscando eses lagares cavados na rocha, as pedras que fan viño, atopamos moitos, son abondosos na bisbarra, hainos por Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín...

Dícennos os paisanos que eran para facer viño, aceite e agora tamén liñaza.

Foi na antigüidade un produto señeiro nesta terra, o liño, tamén a lá, había nas aldeas: tecedoras, fiandeiras, sastres e costureiras..., ovellas e cabras na montaña e no val, a xente, comía, bebía, e vestía desas cousas.

Hai xa uns dous mil anos, dicían que as lexiós de Astisio e Carisio, romanos eles, curábanse de súas feridas e fatigas, "nas augas salutíferas que saían preto do Búbal".

E que decir do viño, faise por eiquí moi bo, cada vez millor.

Sempre bos cabritiños, cordeiriños, porco, vitelas..., mazás, cereixas, castañas, noces..., delicias do comer e beber.

De todas estas cousas vivíu, comeu, bebeu e vestíu a nosa xente nesta terra dende hai moitísimos anos, e gústanos lembrarnos desto...

Rexiomontaneidade

Eduardo Castro

Lagar rupestre das Aciñeiras, Medeiros

Lagar rupestre en Videferre

Lagar rupestre no Carregal, Oímbra

Bodega en Soutochao

Bacelos nas Chas



Unha queimada

Oliveira en Feces de Cima

Antigo muíño de aceite en Tamaguelos

Souto en Servoi

Lagar de liñaza na Pedrosa

Tascando liño
Fotografía cedida do orixinal

Espadela e espadeleiro

Río Búbal na Ponte Vella, Videferre

Fonte de Paradiña

Bucráneos romanos na fonte de Tomonte

Gando en Berrande