martes, 25 de febreiro de 2014

VIDA E MORTE DO CASTELO DE MONTERREI


Introduccion por Eduardo Castro

Dice D. Xesús Taboada Chivite no seu traballo Monterrey: Resumen histórico y arqueológico (Separata del Tomo III. Boletín do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense). Ano 1947: “Y así, bajo la leve vigilancia de un guardador militar, van desmoronándose sus piedras gloriosas, con la amenaza próxima de su total destrucción, si para evitarlo no se acude a tiempo”.

D. Benigno González Sologaistúa, en su libro Monterrey y el Camino de Santiago (1944): “Son los despojos de Monterrey, es la rapacidad inculta y voraz, que va mondando y desvalijando poco a poco las ruinas veneradas”(pax 41). Mais adiante “…vuelvo mis ojos para mirar lo que hay dentro de las murallas; pero ¡qué dolor! ¡Todo está en ruinas !”(pax 44)
Volve decir D. Xesús Taboada Chivite, en 1960, no seu libro Monterrey [Instituto Padre Sarmiento de estudios gallegos(CSIC)]  Casa de Alba y de Monterrey: “La más bella fortaleza de  Galicia pronto será vaporosa nostalgia, para unos, y motivo de erudición para otros. Ni la leve tutela militar, ni la dilección de unos pocos evitará su ruina”.

Tanto D. Xesús como Sologaistúa, escribían estas cousas xa fai máis de 50 anos, falan de ruina, rapacidade, incultura, abandono… Poderían decir estas cousas antonte ou pasado mañá. En Monterrei seguen a facerse aldraxes. ¿Será unha mala fada que vai por sempre co Castelo?
Perto de Palas de Rei, o Castelo de Pambre – tamén da familia de Ulloa coma Monterrei – aguantou o asalto dos Irmandiños, ó noso nin tan sequera se atreveron a asáltalo; pero non sei se poderán resistir a este inimigo que lles naceu agora, a Axencia de Turismo de Galicia.

Eduardo Castro


VIDA E MORTE DO CASTELO DE MONTERREI por Home da Pedra

Como consecuencia directa dos acontecementos que me rodean nestes días, vou tentar facer uma crónica sobre o que significa pra min o Castelo de Monterrei. Tamén falarei de outras persoas que están a defende-lo a capa e espada, como sempre foi, dos ataques que recibe dende as administracions chamadas públicas, que a dia de hoxe se queren apropiar e darlle un uso como hotel, complexo hoteleiro, complexo hosteleiro, ou como queiran chamarlle. Pra min non deixa de ser un novo intento de conquista duns enemigos, foráneos desta comarca, pero que contan nas súas filas con algún que outro veciño. A moralidade dese feito non vai ser xulgada por min neste escrito, senón que será xulgada por quen o lea, e quizais nun tribunal de xustiza se nos vemos obrigados a elo.

Comezo entón a miña viaxe relato lembrando a miña infancia, e a casa paterno-materna na que aínda vivo a dia de hoxe en Castrelo do Val, distante uns 5 kms ou o que sería una legua pouco máis ou menos, do Castelo de Monterrei.
Teño a sorte de que para poder ver o Castelo, e a sua silueta recortada no horizonte, so é necesario asomarme á fiestra da miña habitación ou sair a terraza que está orientada cara o suroeste. A palabra correcta seria enton “suroccidentada”.
O castelo está situado nun espolón ou espigón de rocha do que chamamos monte Meda, a media altura entre o seu último pico, o alto de San Salvador, onde outrora houbo un forte, e a chaira do val de Verín. Parece entón, intentade imaxinalo, a cabeza dun monstro antediluviano postrado, os altos do monte Meda serian o seu lombo protuberante, o espigón sería a cabeza, e o Castelo os seus cornos ou protección craneana, coma un triceratopo enorme e durmido.
Penso que parece tamén unha cabeza coroada, o que me da pé a pegar un salto de xigante, coma o “lobis home” da lenda que me contaba meu pai, que puña un pé en Marbán, e outro no Castelo, sin pisar pra nada os tres quilómetros largos que o separan en línea recta. A cabeza coroada, a coroa, a croa. O nome que se lle da a parte central e máis alta dun castro, o recinto principal ou último punto de defensa, según as múltiples definicións que se leen nos libros de historia.
A fortaleza de Monterrei, e a aldea que o rodea, foi moitos anos antes outro recinto amurallado, chamado o Castro de Baroncelli. Os muros e parapetos, os baluartes e almeas, están feitos encima daqueles outros que tamén protexeron ós seus habitantes (na teoría) dos ataques de outras tribus/trebas galaicas, moito antes de que nin tan sequera tivéramos ese nome de Tamaganos.
Os puntos estratéxicos e de control visual do territorio seguen sendo os mesmos. O lugar onde hoxe se situa o cercano Parador de Turismo formaba parte dese dominio visual, incluido tamen o alto do San Salvador.

Esta é a olhada externa e lonxana, acheguémonos agora un pouco máis, até a porta de San Francisco, orientada cara o norte. Dende alí vese en primeiro plano Verín, esa poboación que leva o título de villa, e por tanto os seus habitantes son villanos, coas connotacións que ese xentilicio conleva.
Alzando un pouco a vista, sempre cara o mencer, o punto máis destacado é outro castro, nesta ocasión o do Xestil, Pena Boeira leva hoxe por nome. Á dereita chama a atención o Pozo do Demo ou Fraga do Zorro, ca sua ladeira chea de rochas e con pouca vexetación, ou eso parece dende eiquí. O Monte Maior, onde se esconde a montaña para deixar fluir o Támega camiño de Chaves.
Teremos que subir un pouco máis seguindo as curvas da calzada ate chegar ó pé da igrexa, para ver con máis claridade a chaira fluvial de Chaves, Aquae Flaviae lle chamaron os romanos, un nome precioso e sonoro que hoxe se ve reducido a ese outro que soa a algo vulgar e simple como é unha chave.
Seguindo co recorrido do horizonte aparece o Monte Ladairo, o Monte Mazairo, a continuación os 3 picos da Cidade das Laxes das Chás, outro castro, chamado Lobarzán ou Lobarzana por distintos autores.
Seguimos camiñando pola rua do Castelo ate entrar na fortaleza, no patio de armas, o Palacio dos Condes á dereita, a igrexa ó frente, e a mole maxestuosa da torre de don Sancho a nosa esquerda. Pisemos esas escaleiras que nos dán acceso á torre, voltando de novo a mirada ó mencer, pra ver de novo o castro do Xestil-monte Cara según D. Xesús Taboada Chivite -rodeamos a torre cara o norte para ver no horizonte o invernadeiro, hoxe nevado, a Serra de Camba, o monte so Seixo, e ao lonxe a silueta quebrada de San Mamede. Un paso mais e chegando á esquina da torre vemos de frente o San Salvador, ou máis ben ese cortalumes que case o fende, e un pouco máis cerca a torre da Atalaia, que por certo hoxe está en máns privadas, incluso o dono lle puxo una escaleira e una porta que o concello obrigou a retirar.
Nesa dirección vai o Camiño de Santiago, bordeando o monte cerca do val ate Mixós, onde a súa igrexa é outra parada obrigada se vimos de visita a esta terra. Máis alá, a outra legua de distancia, está outra igrexa, a de Retorta, moi ben restaurada fai pouco.
Ben, non nos entreteñamos mirando, pois as persoas que veñen detrás de nos tamén queren subir á torre.
Queda unha parte do horizonte por descubrir, mirando neste caso á poniente, ó solpor. As ladeiras cheas de pinos que nos levan ate as Estivadas, curiosamente outro ramal do Camiño, que nos leva nesta ocasión dirección Xinzo de Limia. Nese outro val, que os deiquí chamamos o “vald´alá”, e eles a nós , está o pobo de Albarellos, que hoxe é cabeza de municipio.
Seguindo as montañas vemos unha fenda por onde baixa o Búbal/Buble, ese poderoso afluinte do Támega. Requeixo, Vilaza, e a Cidade das Laxes das Chás de novo, ca súa irregular e inconfundible silueta. Por encima e un pouco a dereita está o pobo de Medeiros, e máis alá de novo na lonxanía o monte Larouco, co seu lombo hoxe inzado de xeradores eólicos, que a min me semellan outra cousa, case lanzas clavadas na súa espalda.

Ben, baixemos da torre, e demos un paseo pola aldea abandoada de Monterrei, paremos un momento a escoitar os chios dos paxaros, mentres o vento nos mece. Que é eso que se oe? A min parécenme palabras, sí, palabras e voces esquecidas e levadas polo vento, da xente que vivía eiquí. Cerremos os ollos, estamos en dia de feira, de mercado, e os nenos corren e berran perseguindo uns a outros. Cheira a pan recién feito, ¡que maravilla!, que fame así de repente. Queixo, ¡hai queixo, e mazáns coloradas!. Un home, quizá o meu abó, ri e fala alto mentres sirve unha posta de carne e un cuartillo de viño. Alí, sí, na esquina o pé da torre hai un home con chaleco tocando a gaita. Unha nena a seus pés fica embelesada, hipnotizada pola melodía que sae daquel pelexo de cabra. ¿Que é o que soa?, a “saia da Carolina”, e a xente empeza a danzar.
… ten un lagarto pintado
Cando a Carolina baila
o lagarto dalle o rabo…

De repente, unha racha de forte vento nos abate, e abrimos os ollos. Dediante nosa non hai xente, non hai risas, non está o gaiteiro nin a saia da Carolina. Só hai barro, barro e ruinas; ruido de maquinaria e andamios, valados que poñen prohibido el paso e perdonen las molestias.
A miña visión esváese, a propia, a real, e mentres esto escribo os meus ollos tentan conteñer as lágrimas, lágrimas de impotencia e de rabia, e o meu peito ábrese en dous pra deixar sair un berro tan forte que só o escoito eu. Un berro cargado de esperanza, de soños, de xustiza. Un berro que dice que o Castelo é de Monterrei, da xente que vive nesta comarca, e na que moitos queremos que repousen os nosos restos, chegado o momento, pero non sin antes ter lolitado unha última batalla.
Rematou a viaxe, o corpo canso de tanto camiñar, de subir e baixar montañas. Canso de mirar e non ver mais que inxustizas. Canso de vivir nesta terra baldía, cando de cultura se fala. Canso de que outra persoa decida o meu futuro. Canso de que sexa manipulado o meu pasado. Canso de mentiras e engaños. Canso, canso, canso…

José Luis Lozano Rúa    Nipis    Home da pedra

3 comentarios:

Payo dixo...

Brabo compañeiro.

d:D´ dixo...

Ei, meu, qué ben fixeche e ó falache...
xa falaremos con calmo cando chegue o vrao, cando tenhamos tempo; con unha cunca de caldo ou un grolo de vinho
Ata entón, douche unha longa aperta
Saúde, Ceibedade e Esquilmo :)´

Unknown dixo...

lloro contigo la pérdida irremediable de tanta belleza...