luns, 9 de novembro de 2020

Uns contos da zorra

* Conto recollido na Pena do Souto:


A zorra entrou nunha cociña da Pena do Souto e comeu as papas que estaban no pote.

Ao saír encontrouse co lobo e ela como estaba toda farta non podía case andar e queixouse ao compadre, o lobo, que a levara ao lombo. E ao ir a cabalo del dicía:

"María arteira,
María arteira,
farta de papas
e vai cabaleira".

E o lobo respondíalle: "Que di señora comadre?".

E ela dicíalle: "Que alí en Ramisquedo hai un rebaño de ovellas".

Chegaron a Ramisquedo e non había ovellas.

E a zorra dicíalle: "Tire pra San Lourenzo".

O que quería a zorra era só que a levasen ao lombo.


* Conto recollido en Moialde, concello de Vilardevós, e Castrelo de Abaixo, concello do Riós:


Un galo ía escapando da zorra e subiuse a un carballo.

A zorra intentando coller o galo dicía:

"Serra meu rabo
se queres comer galo".

E o galo dende o alto dicía:

"Dios me libre
de fouce e machado
que rabo de zorra
non corta carballo".

* Conto recollido en Verín:

Un galo quedou desplumado polo ataque da zorra e ésta dicíalle:

"Galiño novo
ven pola roupa
que eiquí che quedou"

E o galo respondía:

"Dios que me deu esta
xa me dará outra".

* En Laza o mesmo conto remataba así:

"Xan Pericán
volve pola roupa"

"Non volvo non,
que si Dios me deu esta,
hame dar outra".

1 comentario:

Anónimo dixo...

Maravillosos esos contos tradicionais galegos🙏🙏🙏